A Organización de Mariñeiras/os Luso-Galaica ORMALUGA (OPP-98) obtivo a aprobación oficial do seu Plan de Produción e Comercialización (PPyC) para o período 2025–2026, tras a resolución ditada en decembro de 2025 pola Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Esta aprobación confirma que o Plan presentado por ORMALUGA cumpre os obxectivos establecidos na normativa europea, en particular os recollidos nos artigos 3 e 7 do Regulamento (UE) nº 1379/2013, relativos á organización común de mercados dos produtos da pesca e da acuicultura.
Un instrumento obrigatorio e estratéxico para as OPP
O Plan de Produción e Comercialización é un instrumento obrigatorio para todas as Organizacións de Produtores Pesqueiros, e constitúe a principal ferramenta para planificar a actividade extractiva, ordenar a comercialización e mellorar a rendibilidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros.
No caso de ORMALUGA, o PPyC 2025–2026 aplícase ao conxunto dos seus produtores e produtoras —flota artesanal e marisqueo a pé— e ás principais especies comercializadas pola organización, tendo en conta a estacionalidade, a capacidade produtiva e as características do territorio luso-galaico.
Obxectivos do Plan de Produción e Comercialización
O PPyC aprobado establece como obxectivos prioritarios:
- Planificar e xestionar de maneira coordinada a actividade pesqueira e marisqueira.
- Adecuar a produción ás necesidades reais do mercado.
- Mellorar a rendibilidade económica e a estabilidade dos ingresos das persoas produtoras.
- Garantir a trazabilidade e a calidade dos produtos.
- Reducir as capturas non desexadas e o impacto ambiental da actividade extractiva.
- Contribuír á loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
- Reforzar a información e a transparencia cara ás persoas consumidoras.
Principais liñas de actuación
O Plan de Produción e Comercialización 2025–2026 estrutúrase nun conxunto de medidas orientadas á xestión colectiva, entre as que destacan:
- A planificación e xestión conxunta da actividade pesqueira.
- O seguimento e control da produción e das capturas.
- A mellora da trazabilidade e da información ao consumidor.
- O reforzo da comercialización e a procura de acordos con clientes.
- A participación en foros técnicos e científicos e a cooperación coas administracións.
- A promoción de prácticas pesqueiras sostibles e selectivas.
Un paso clave para a consolidación de ORMALUGA
A aprobación oficial do PPyC 2025–2026 supón un paso fundamental na consolidación de ORMALUGA como Organización de Produtores Pesqueiros de ámbito transnacional, reforzando a súa capacidade para organizar a oferta, mellorar a posición dos seus produtores no mercado e avanzar cara a un modelo de pesca artesanal sostible, profesional e competitivo.